Avelina Valladares será recordada o día 7 de outubro en Berres a través dun roteiro literario organizado pola Deputación

Ofértanse 50 prazas e o período para anotarse comeza o luns.

 

A  Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cultura e Lingua, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), organiza para os meses de setembro e de outubro cinco ‘roteiros literarios’ pola provincia, entre eles un na Estrada. Cada rolda, que será de balde, conta con 50 prazas polo que é preciso anotarse previamente.

 

O municipio estradense acollerá o 7 de outubro o Roteiro Avelina Valladares, unha muller do tempo dos precursores. Os asistentes irán acompañados polo estradense Xosé Luna Sanmartín, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e Compostela, mestre, escritor e colaborador en diferentes medios de comunicación.

 

 O punto de partida será ás 11.30 horas desde a igrexa de Berres, xa que é neste cemiterio onde está enterrada Avelina Valladares. O percorrido continuará cara ao Casal de Vilancosta, o fogar dos Valladares, sito no lugar de Vilancosta na mesma parroquia de Berres. Esta casa é unha vivenda privada polo que non adoita estar aberta ao público, polo que se trata dunha oportunidade única para coñecela. Seguidamente, realizaranse lecturas de poemas da autora no xardín e nas diferentes estancias da casa, rematando coas vistas do Ulla e do Picro Sacro. Está previsto que o traxecto remate sobre as 13.00 horas.

 

O prazo de inscrición comeza o luns, día 4, ata que se cubran as 50 prazas. Os interesados deben anotarse chamando ao teléfono 986 677 748, ou no Departamento de Cultura, no segundo andar do Concello.   

 

 

Avelina Valladares

Andrea Avelina María Teresa Gabriela Valladares Núñez naceu o 23 de outubro de 1825 en Vilancosta (A Estrada). Criouse no seo dunha das familias fidalgas máis importantes de Galicia. A profunda formación relixiosa que recibiu e a súa liñaxe exerceron unha importante influencia na obra da autora.

 

En 1879 sacou o seu primeiro poema en galego A Ulla, publicado polo xornal El Eco de Galicia. Despois virían outras catro publicacións: Diálogo entre un peregrino que se dirige A Compostela y un labriego, A pobre orfiña, Miña xoia e Os que emigran. A emigración, Galicia, a orfandade, a fe a súa familia foron as principais temáticas da súa obra.

 

Publicou na Exposición Compostelana e en El Eco de Galicia dous artigos en castelán: El ochavo milagroso e Comunicación a la Sociedad de Amigos del País de Santiago e unha terceira reseña Exposición al Eminentísimo Cardenal Sr. García Cuesta, arzobispo de Compostela, ficaría inédita ao igual que numerosos poemas nesa mesma lingua.

 

Ademais, Avelina Valladares é unha pioneira en publicar artigos, que hoxe denominamos de opinión, na prensa escrita así como unha precursora no uso da lingua galega, que empregou nalgúns dos seus poemas. Avelina Valladares, irmán do tamén escritor Marcial Valladares, faleceu o 17 de marzo de 1902 na súa vivenda de Vilancosta.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1